A segunda quenda da I Fase de Niveis de Patinaxe Artística chega esta fin de semana para os 677 patinadores e patinadoras inscritos nos niveis do 4 ao 8, pois os do 1 ao 3 xa competiron a primeira fin de semana de marzo. Novamente estarán divididas en tres sedes, coa competición desenvolvéndose en todas elas durante a xornada do sábado 30 de marzo e a mañá do domingo 31.
O Club Conxuro Laracha organiza a correspondente á Coruña Norte no pavillón municipal da Laracha con 204 inscritos. Santiago de Compostela, no pavillón do Restollal e baixo a organización do Club Deportivo Fontiñas, acollerá a da Coruña Sur con 222 participantes. No que atinxe aos clubes das provincias de Pontevedra e Ourense, acudirán ao pavillón do C. E. I. P. Souto-Donas de Gondomar onde haberá 251 inscritos e organizado polo Club Eixo Gondomar.
Na páxina web de competicións de Patinaxe Artística están xa dispoñibles os horarios e as ordes de saída.
#eupatino