eurohockey2018_Foto1_2

Jun 14

Presentado no Concello da Coruña o 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns

Esta mañá presentouse no Concello da Coruña o 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns, que por primeira vez na súa historia se celebrará en Galicia, concretamente na cidade da Coruña do 14 ao 22 de xullo, coa participación de once seleccións nacionais que disputarán todos os partidos no Palacio Municipal de Deportes de Riazor.

O acto contou coa presenza de José Manuel Sande, concelleiro de Deportes, Cultura e Coñecemento do Concello da Coruña; Vicente Torres, presidente da Federación Galega de Patinaxe; Carmelo Paniagua, presidente da Real Federación Española de Patinaxe; e Fernando Graça, presidente do Comité Europeo de Hóckey sobre Patíns ( CERS- Rink Hockey). Todos eles incidiron nas súas intervencións na tradición da Coruña co hóckey sobre patíns, centralizado principalmente no Hockey Club Liceo, pero tamén na gran cantidade de clubes e xogadores de base de toda a cidade e a súa área metropolitana.

Tras iniciar a presentación José Manuel Sande dando a benvida a todos os presentes, Vicente Torres indicou que “desde o momento no que recibimos o ofrecemento para organizar o Europeo por parte de Carmelo Paniagua, aceptamos inmediatamente”.

Pola súa banda, Carmelo Paniagua agradeceu ao Concello da Coruña “a implicación co Campionato de Europa, ademais de que a cidade galega é coñecida a nivel mundial polo hóckey sobre patíns e que este certame contará, por primeira vez en moitos anos, coa presenza de once seleccións, sendo ademais clasificatorio para os World Roller Games 2019 que se celebrarán en Barcelona e ao que accederán os tres primeiros clasificados do Europeo máis España como vixente campioa do mundo”. Concluía o ciclo de intervencións institucionais Fernando Graça, quen asegurou que “será un gran Campionato de Europa nunha cidade cunha tradición no hóckey sobre patíns”.

Por último, pechaba o acto José Manuel Sande, agradecendo de novo a confianza depositada na cidade galega e esperando que sexa un éxito, tanto organizativo como de presenza de afeccionados.

 

Sistema de competición e seleccións participantes

Disputarase unha fase previa de grupos do 14 ao 19 de xullo na que se xogará unha liga de todos contra todos, da cal se clasificarán os catro primeiros para os cuartos de final (20 de xullo) con cruces entre os equipos de ambos os grupos da seguinte forma: 1.º A-4.º B, 2.º A-3.º B, 3.º A-2.º B, 4.º A-1.º B.

Grupo A: Portugal, Suíza, Francia, Austria e Andorra.

Grupo B: Italia, España, Alemaña, Inglaterra, Bélxica e Holanda.

Os gañadores accederán ás semifinais (21 de xullo) e de aquí os dous equipos que disputarán o terceiro e cuarto posto, os perdedores, e a final o domingo 22 de xullo, os gañadores, ás 17:00 e 19:30 horas respectivamente.

Calendario e horarios

 

Bonos e entradas á venda en Ataquilla. com

O bono xeral de adulto para todos os partidos custa 60 €, aínda que tamén se poden comprar entradas para cada xornada, que permite asistir a todos os encontros, por un prezo de 10 € excepto nas dúas últimas da competición, cuxo prezo será de 25 € o sábado 21 e de 30 € o domingo 22. Para os menores con idades comprendidas entre 0 e 12 anos, o custo será a metade en cada caso.

Venda de bonos e entradas en Ataquilla.com

#eurohockey2018 #OKEuroM #OKCoruna #OKEuro2018 #ACoruña #eupatino

eurohockey2018_Foto2_2 eurohockey2018_Foto3_2 eurohockey2018_Foto4_2

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL