Dia8_MG_7555

Jul 21

Eurohockey: resumen día 8

Palacio dos Deportes de Riazor – A Coruña | 21 de xullo de 2018

A oitava e penúltima xornada do Eurohockey iniciábase co Bélxica-Holanda que comezaba con catro goles en apenas sete minutos cun 1-3 favorable aos holandeses para chegar ao descanso con 2-7. Non foron rivais os belgas, que terminaban cedendo 3-15 nun partido sen historia, polo que Austria e Holanda decidirán mañá quen é novena e décima, pois Bélxica finalizará undécima.

Nas semifinais de consolación, entre os equipos que loitan polos postos cinco ao oito, comezábase co matinal Inglaterra-Andorra que os do Principado encarrilaban no primeiro tempo cun 0-4 que non deixaba, o que se confirmaba no segundo periodo co definitivo 2-8.

No outro encontro, o primeiro da tarde, Alemaña adiantábase moi pronto 1-3 ante Suiza, pero esta empataba ao descanso. Unha segunda parte con constantes alternativas deixaba un novo empate (5-5), polo que se ía á prórroga onde, tras poñerse diante os teutóns, os suizos dirixidos polo asturiano Alejandro Rodríguez dábanlle a volta ao marcador no derradeiro minuto do primeiro periodo do tempo extra, deixando xa inamovible o 7-6 definitivo que os alemáns non lograron neutralizar nos derradeiros cinco minutos. Así, Inglaterra e Alemaña xogarán mañá pola sétima e oitava praza (12:30) e Andorra e Suiza farano ás 15:00 pola quinta e a sexta.

A continuación, a primeira semifinal do 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns. Espectacular encontro o que nos ofreceron España e Francia, aínda que aos de Alejandro Domínguez lles custou moito entrar no mesmo pois tralo primeiro gol no minuto 17 de Nil Roca, Carlo di Benedetto empataba sete minutos despois e outro tanto do seu irmán Roberto poñía aos franceses por diante ao descanso. España saíu a por todas no segundo periodo e tres tantos case consecutivos de Ferran Font e Eduard Lamas en dúas ocasións situaban o 4-2. A partir de aí Francia veuse abaixo, incapaz de deter o festival de goles dos de Alejandro Domínguez, que marcarían catro máis por parte de Ignacio Alabart, Pau Bargalló dúas veces e Nil Roca, deixando así o 8-2 definitivo e o pase á final de mañá ás 19:30 horas tras un partido ao que acudiu a secretaria de Estado para o Deporte do Goberno de España, María José Rienda, que ao finalizar o mesmo visitaba o vestuario de España e felicitaba a xogadores e corpo técnico xunto a Carmelo Paniagua (presidente da R. F. E. P), tendo posteriormente ambos un breve encontro cos medios de comunicación na sala de prensa do Palacio dos Deportes.

E o partido co que concluía a penúltima xornada da competición era a segunda semifinal. Portugal partía como favorita e adiantábase no marcador, pero Italia recuperaba o mando do encontro e lograba darlle a volta ao descanso ao que se chegaba con 1-2 favorable aos de Massimo Mariotti. Con todo Portugal daba un paso adiante e lanzábase en tromba contra a portería de Leonardo Barozzi, que sucumbía ante Joãou Rodrigues e Gonçalo Alves de penalti, polo que os de Luís Sénica xa estaban algo máis tranquilos co 4-2 que puido reducir Giulio Cocco, pero erraba a falta directa. Cun Portugal fallando innumerables ocasións claras de gol ata o derradeiro minuto, onde Rafael Costa deixaba o 4-2 definitivo polo que a final será a esperada entre a selección anfitriona, España, e Portugal mañá desde as 19:30 horas mentres Francia e Italia loitarán polo bronce ás 17:00.

10:00 | Holanda – Austria

12:30 | Inglaterra – Alemaña

15:00 | Andorra – Suiza

17:00 | Francia – Italia

19:30 | España – Portugal

Galería de imaxes día 8

www.eurohockey2018.gal

info@eurohockey2018.gal

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL