logo deporte galego

Ago 28

Anuncio do DOG que permite o adestramento con contacto para equipos que compitan en categoría nacional

O Diario Oficial de Galicia publicou no día de hoxe un anuncio no que permite os adestramentos de contacto para os equipos que compitan en categoría nacional.

 

No  Acordo do Consello da Xunta de Galicia disponse, no punto 3.21, que a práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de 25 persoas simultaneamente no caso dos adestramentos.

 

No contexto actual, cómpre ter en conta tamén a situación de determinados deportistas, así como dos equipos que participan en competicións de ámbito estatal para introducir medidas de flexibilización que permitan a volta á normalidade.

 

Deste xeito, considérase adecuado permitir a práctica deportiva con contacto dos deportistas galegos de alto nivel e deportistas de alto nivel recoñecidos polo Consello Superior de Deportes clasificados para Tokio 2020 ou que se encontren en proceso de clasificación.

 

Esta medida preténdese introducir co obxectivo de garantir a igualdade destes deportistas que agora mesmo están na carreira olímpica, con respecto aos deportes de contacto, garantindo unha participación nos vindeiros Xogos Olímpicos e Paralímpicos en condicións de igualdade co resto dos deportistas participantes. Para os efectos de minimizar o risco de contaxio posible, ademais do cumprimento do protocolo federativo segundo o protocolo básico FISCOVID-DXTGALEGO, esta apertura estará suxeita a medidas de protección específicas que serán visadas pola autoridade deportiva, así como a que se garanta a práctica en grupos estables de adestramento.

 

No mesmo sentido, considérase adecuado permitir o contacto na práctica deportiva dos equipos galegos que participen en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal. Esta medida preténdese introducir co obxectivo de garantir a igualdade para os equipos galegos que participan en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal, permitindo que adestren en condicións de igualdade co resto de equipos doutras comunidades autónomas onde si está permitido o deporte con contacto.

 

Por último, tamén é preciso, co obxecto de que os/as deportistas con discapacidade poidan adestrar e competir en condicións de igualdade, permitir a práctica deportiva con contacto dos deportistas de especialidades deportivas adaptadas individuais con guías ou persoas de apoio.

 

Por isto, o DOG dispón 

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

 

Un. Engádese un número 3.21.bis no anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, coa seguinte redacción:

 

«3.21.bis. Práctica da actividade deportiva federada.

1. Permítese o contacto físico na práctica da actividade deportiva federada nos seguintes supostos:

a) Deportistas galegos de alto nivel e deportistas de alto nivel recoñecidos polo Consello Superior de Deportes clasificados para Tokio 2020 ou que se encontren en proceso de clasificación. Os adestramentos deberán celebrarse en grupos estables, permitíndose a participación necesaria de sparrings, e suxeitos a medidas de protección específicas que serán comunicadas á autoridade deportiva autonómica para o seu coñecemento e supervisión.

 

b) Deportistas de especialidades deportivas adaptadas individuais con guías ou persoas de apoio. Neste suposto, os adestramentos estarán suxeitos a medidas de protección específicas que serán comunicadas á autoridade deportiva autonómica para o seu coñecemento e supervisión, e sempre realizados en grupos estables de adestramento.

 

c) Equipos galegos que participen en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal con previsión de inicio da competición, salvo que o protocolo da federación española respectiva estableza outra cousa. A práctica de adestramentos e a competición deberá realizarse en grupos de composición estable e suxeitarse a un protocolo en que se teñan en conta medidas de protección específicas. Este protocolo deberá ser presentado para a súa aprobación ás autoridades deportivas e sanitarias de Galicia con carácter previo ao inicio das actividades.

 

2. Non obstante o establecido no punto 1, a celebración de competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal en Galicia axustarase ao protocolo da respectiva federación deportiva española segundo o disposto no punto III do Protocolo básico de actuación para a volta aos adestramentos e o reinicio das competicións federadas e profesionais aprobado polo Consello Superior de Deportes pola Resolución do 4 de maio de 2020 (BOE do 6 de maio).

 

Para o suposto de que as federacións deportivas españolas consideren necesario realizar adaptacións do Protocolo básico para as competicións que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán contar coa autorización expresa das autoridades sanitarias e deportivas autonómicas, naqueles casos en que non dispoñan da aprobación previa do Consello Superior de Deportes».

 

Dous. Engádese un número 3.22.3 no anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, coa seguinte redacción:

 

«3. Os ditos protocolos, elaborados baixo a responsabilidade dos organizadores dos eventos, deberán axustarse, con carácter mínimo, aos requirimentos que sexan de aplicación á concreta modalidade deportiva segundo o establecido nos protocolos aprobados consonte a Resolución do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia (DOG do 19 de xuño).

Para estes efectos, as autoridades competentes, naqueles eventos que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma, darán traslado do protocolo específico á autoridade deportiva para o seu coñecemento e supervisión».

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL