Dia9_MG_8561

Jul 22

Eurohockey: resumen día 9

Palacio dos Deportes de Riazor – A Coruña | 22 de xullo de 2018

Derradeiro día do 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns, no que quedarán decididas todas as posicións que finalmente ocuparán as once seleccións nacionais participantes. Esta novena xornada comezaba con Holanda-Austria, que chegaba ao descanso sen goles no marcador. Pero dous tantos dos holandeses nada máis comezar dáballes vantaxe, aínda que a partir dese momento o encontro entraba nunha fase de constantes alternativas sen definir un favorito claro. Ao final, o 4-5 para Austria deixáballe na novena praza mentres Holanda finalizaba décima e Bélxica undécima tras perder os seus dous partidos da liga que disputaron os tres equipos.

O segundo partido da mañá entre Inglaterra e Alemania decidía os postos sete e oito. Ao descanso, parecía que iamos asistir a un encontro igualado co 3-3, pero tralo mesmo os alemáns do español Jordi Molet chegábanse a situar cun claro 3-11 ata que nos derradeiros minutos os ingleses arranxaban un pouco a goleada deixando o definitivo 6-12.

Máis igualado e emocionante estivo o primeiro encontro da tarde, con Andorra e Suiza disputándose a quinta praza. Ao descanso, os helvéticos do adestrador asturiano Alejandro Rodríguez dominaban 2-3, aínda que os do Principado chegaron a ir por diante co 2-1. A segunda parte estivo moi disputada e igualada, polo que puido gañar calquera dos dous, pero ao final Suiza vencía 3-5 e adxudicábase a quinta praza mentres Andorra sexta.

O partido pola medalla de bronce entre Francia e Italia empezou con menos ritmo dos dous disputados onte en semifinais. Quizá ambos acusaban o cansazo e así a falta de acerto era a nota predominante ao descanso, sen goles no marcador. O maior fondo do banquiño permitía aos de Massimo Mariotti dar un paso máis no segundo tempo, cando chegaban os goles da Azzurra que abría Domenico Illuzzi de penalti tralo cal chegaban outros tres de Alessandro Verona, recollendo o seu rexeite tras unha falta directa, David Banini e de novo Illuzzi. Co partido sentenciado, Roberto di Benedetto anotaba para Francia de penalti e a continuación Verona facía o quinto, terminando o encontro cun novo penalti transformado por Roberto di Benedetto deixando así o definitivo 2-5 que lle daba a Italia a terceira praza e un lugar no podio.

E por fin chegaba a gran final con España e Portugal como protagonistas para levarse o trofeo de campión do 53 Campionato de Europa Masculino de Hóckey Patíns. O encontro iniciábase con moitísimo ritmo por parte dos dous equipos e xogando ao ataque sen fisuras. Os de Luís Sénica daban primeiro cun tanto aos tres minutos de Gonçalo Alves pero os españois respondían con senllos goles de Jordi Adroher e Ferran Font, que uns minutos despois recibía unha tarxeta azul. Os de Alejandro Domínguez aguantaban ben a inferioridade e ata, mercé á presión ofensiva e á gran actuación de Sergi Fernández, que neutralizaba todos os ataques lusos, chegaba o terceiro de Eduard Lamas antes do descanso tras unha gran xogada á contra de España.

Como un furacán saían os españois ao comezo do segundo periodo e froito diso eran os tantos de Ignacio Alabart e Pau Bargalló para situar un tranquilizador 5-1, aínda que Portugal reducía a diferenza cun gol de falta directa de João Rodrigues. Con todo, España non cedía e Ferran Font situaba de novo a bóla na rede lusa. 6-2 a nove minutos para o final e o partido parecía decantado para os anfitrións e así ocorría, aínda que João Rodrígues, máximo goleador da competición con 24 tantos, marcaba o terceiro de Portugal a dous minutos para a conclusión e deixaba o definitivo 6-3 nun espectacular e vibrante encontro nun Palacio dos Deportes de Riazor da Coruña que viviu unha gran xornada de hóckey sobre patíns.

A cerimonia de clausura así como o desfile das bandeiras dos once países participantes contou coa presenza das patinadoras e patinadores do C. P. A. Maxia e a estelar actuación da Real Banda de Gaitas da Excma. Deputación de Ourense.

CLASIFICACIÓN FINAL

1.º España

2.º Portugal

3.º Italia

4.º Francia

5.º Suiza

6.º Andorra

7.º Alemaña

8.º Inglaterra

9.º Austria

10.º Holanda

11.º Bélxica

Galería de imaxes día 9

www.eurohockey2018.gal

info@eurohockey2018.gal

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL